era unha cidade do norte e iso, xa saben, imprimíalle certo carácter literario e facíaa atractiva en si mesma. por estas datas as tardes caían en noite con premura pasmosa, abundantes en humedades e paraugas descuartizados nas intersecións das rúas que batían contra o océano. e aínda cando as choivas eran poucas, a cidade afanábase en simular os momentos previos aos temporais e suspendíase o día na incerteza do mal tempo. e iso constituía unha das súas maiores virtudes, convertíaa nunha boa cidade para escribir dende un cuarto sen moita luz natural, quente como habitación de panadeiro ou dende un café do centro, tranquilo e con certa tendencia ao jazz en voz baixa.
17.12.07
cálidos exercicios de morriña
era unha cidade do norte e iso, xa saben, imprimíalle certo carácter literario e facíaa atractiva en si mesma. por estas datas as tardes caían en noite con premura pasmosa, abundantes en humedades e paraugas descuartizados nas intersecións das rúas que batían contra o océano. e aínda cando as choivas eran poucas, a cidade afanábase en simular os momentos previos aos temporais e suspendíase o día na incerteza do mal tempo. e iso constituía unha das súas maiores virtudes, convertíaa nunha boa cidade para escribir dende un cuarto sen moita luz natural, quente como habitación de panadeiro ou dende un café do centro, tranquilo e con certa tendencia ao jazz en voz baixa.
4.12.07
domingos e festivos

as visitas, que son poucas, traen sempre que veñen noticias de lugares que por forza resultan descoñecidos para quen non abandona esta casa e os seus camiños. adoitan vir en festivo ou fin de semana, nunca en cotío, porque os días de cotío sonche para traballar e a xente anda apurada. cando veñen o xantar é de domingo, abundante coma en festa. é moito nervio porque cociñar sempre para un faiche perder mañas entre as potas. e hai que darlle algo bo, que saiba. se eu vira para ler cociñaba polos libros. pero non vexo. así que cociño pola cabeza, de memoria. e se o tempo está bo e a humidade non fai quebrar as mans, preparo un flan que se sirve con caramelo e que lle sabe a todo o mundo porque é unha cousa boa, con ovos da casa. e despois aínda hai que poñer a mesa, que é pequena pero... e pranchar manteis, e escorrentar a humidade do salón porque alí nunca se entra. só cando vindes vós. leva toda a mañá arranxar todo iso. e tamén hai que facer café e sacar os pocillos que viñeron na maleta dalgún familiar que cruzou o mar. e lavalos todos, porque nunca se usan, eu nunca os uso. todo ese traballo para un día, ou unhas horas. que facemos? ás veces pasamos a tarde enteira e miramos o pequeno xardín que hai pé da cabeceira, ou falamos mentres tomamos o café ou vemos a televisión. a televisión fai moita compaña. outras veces marchan pronto porque levan apuro. despedímonos á porta, ao lado do xardín onde aparcan o coche. eu vou ata o coche a dicirlles chau. e queda a televisión prendida con toda esa xente falando na casa...
31.10.07
movidas viguesas ( propaganda pura e dura)

aquí estamos de novo co noso. o que facemos supoño que xa o saberesdes, pero por se acaso a alguén lle quedan dúbidas, lemos poesía, repartimos licor café, soltamos unhas parrafadas, cantámoslle uns temas e , previo sorteo dun lote de libros rescatado da caixa da basura dunha biblioteca público, recollemos e marchamos.
estades convidados. os libros a sortear prometen. avanzamos títulos para facer fame: es la biblia realmente la palabra de dios?, el niño y la música, curso de correspondencia comercial... entre outras glorias.
;)
26.10.07
días alddao

estimada compañeira de fatigas:
non sabes canto me alegra a túa unión con diegodelgado. cada mañá deste outono que non acaba de chegar ao sur, premo o play e perdo o control. porque é un temazo, iso que che fai arrepiar as carnes e se che crava no esternón. ata entristecer presta se ti cantas e diego fai a música. ian curtis restorceríase de pracer ao escuitarvos.
así que seredes finalistas, pero para min xa gañachedes o ceo con este pedazo de versión.
vouna poñer outra vez antes de rematar esta carta, que é só para agardecer que tiverades chegado a este mundo e topado comigo polo camiño.
bicos descontrolados alddao
7.10.07
adiantando novembro
11.9.07
almorzo

madrugar porque o espertador reclama días que comecen cedo e co sol aínda medio agochado. erguerse só para facer zume de laranxa fresquiño e escoitar correr a auga da ducha . cortar pan e torralo levemente para que a manteiga se deixe ir sobre el con suavidade. abrir a marmelada de mamá e botar coa culleriña anaquiños de amora sobre catro torradas. mentres tanto, facer café e mirar as dúas cuncas virar no microondas uns minutos. estirar o azucre que queda no bote. achegarse á ducha. xogar a botarse auga coa boca. rir muito. almorzar e facer plan triviais. imaxinar os días nos que non teñamos que madrugar. abrazarse entre o quente deste pixama e o calor fresco da pel recén duchada. baixar á rúa e agradecer o sol que medra no ceo. bicarse.
a verdade, durmir media hora máis ou media hora menos non ten tanta importancia cando o almorzo é bo.
;)
5.9.07
mallando noutra eira

ando mallando na eira de volta e dálle e malle vai malle vén... non dou feito outra cousa.
aínda é un esforzo de carallo ganalo pan... non se crean.